2º premio, Categoría Bacharelato
Chámome Xoana, así me chaman os que mellor me coñecen, pero houbo un tempo en que fun coñecida como a nena medicamento, sobre todo durante os meus primeiros meses de vida, cando eu aínda nin entendía o que iso quería dicir. Sei que saín nos periódicos, nas revistas, na televisión e na radio, tanto de aquí coma de fóra… realmente pódese dicir que nacín coa fama baixo o brazo.
Mamá e papá falaban moito, falaban de min, da enfermidade da miña irmá, do meu cordón umbilical e da felicidade dobre que eu supuxera nas súas vidas. Non o entendía ben, eu, realmente, sentíame coma outra nena calquera, coma os outros nenos do parque que, coma min, xogaban, caían, empezaban a falar, choraban e rían.
O mesmo día que aprendín no colexio a facer divisións, mamá veu buscarme ao colexio, coma tantos outros días, pero esta vez ao chegar á casa non fixen os deberes, senón que sentamos todos no sofá do salón.
Papá empezou a falar, sentinme mal, no primeiro momento pensei que entendera mal… que eu nacera para salvar a vida da miña irmá maior? Como? Que? Ou sexa, que papá e mamá, realmente non me querían, tan só me querían para salvar a miña irmá?, era realmente a ela a quen querían? Como podía ser iso posible?
Mamá debeu ler o meu pensamento e apurou a dicir que grazas a min, e tan só a min, Ana podería pasar máis tempo sen ir ao hospital, sen visitar os médicos e para xogar comigo. —Ti realmente es a mellor irmá do mundo que Ana podía ter— díxome.
A conversa quedou niso e nada máis, case non se volveu falar do tema en moito tempo. Pero, non había día da miña vida que non pensase na maxia que chegaran a facer comigo os médicos. Era extraordinario, quen ía imaxinar que eu puidese salvar a vida de nada máis e nada menos que unha irmá. Creo que desde aquel mesmo día quixen ser médico, investiguei moito pola miña conta, pasei moitas horas da miña vida descubrindo o que realmente fixeran comigo. Nos artigos que falaban de min, había opinións de todo tipo. Falábase dunha selección xenética, da presenza de células nai nos cordóns umbilicais e de moitas cousas máis que non chegaba a entender.
Hoxe enténdoo mellor. Son médico. E son consciente en primeira persoa do que resulta ser un bebé medicamento. Hoxe en día segue a haber polémica ao igual que cando eu cheguei ao mundo.
Como di a miña nai, quéreme por min mesma e, ademais, se non me tivese de filla a min, non nos tería nin a unha nin á outra.
Son moitas as parellas que gardan o sangue do cordón umbilical para salvar os irmáns, isto desde logo foi un avance grandísimo, pois o que hai anos se consideraba un desfeito tras o parto, resulta que contén células nai capaces de rexenerar a medula ósea e é unha alternativa terapéutica imprescindible na curación de moitas patoloxías. Realmente, non hai nada de malo.
Moitos consideran a práctica da selección xenética coma unha aberración, consideran que un neno é un medio e non un fin, coma debe ser considerado cada ser humano. Consideran a selección xenética coma un acto egoísta, xa que leva á exclusión doutros seres humanos, posto que se descartan outros embrións para elixir o que está verdadeiramente san. Afirman que hai que curar os enfermos, pero sen eliminar a ninguén. Eu realmente de egoísta non lle vexo nada, máis ben creo que o mellor que hai no mundo e ser quen de poder salvarlle a vida a alguén. Convido a todos os que pensan así, a reflexionar durante un intre… e se tiveses un fillo enfermo? Non farías todo o que estivese nas túas mans para salvarlle a vida? Eu penso que si.
Moitos grupos relixiosos, xa cando eu nacín, chegaban a situacións extremas e afirma que a selección xenética non é nin un éxito nin un progreso científico, senón que se reduce a dignidade dunha persoa a un simple valor de utilidade. Din que, mediante esa selección, hai irmáns aos que se lles privou do dereito a nacer, polo simple feito de non seren útiles. Para eles, esta forma de solucionar o problema non é viable, pero tampouco son quen de ofrecernos outra solución. Chegando a estes extremos, para min demasiado materialistas, podería darlles a razón, pero penso na miña vida e máis aínda na vida que conseguín salvar, e non, non estou en nada de acordo cos que isto pensan.
Iso si, non podemos caer na tentación de chegar coa selección xenética a fins «estéticos». É dicir, para elixir o sexo e os caracteres físicos do futuro bebé. Para isto debe haber os máximos controis legais e utilizarse de forma excepcional e específica; despois dun proceso en que se busque a posible compatibilidade con algún cordón umbilical e se valoren todas as opcións. Tamén hai expertos que aventuran a estes nenos medicamento futuros problemas psicolóxicos, cousa que habería que controlar e facer un seguimento específico.
O debate sempre existirá, pero o que está claro e que eu nacín e salvei a vida da miña irmá. No meu caso, era a selección xenética a única opción posible e grazas a este novo descubrimento científico pódense curar enfermidades que hai anos resultaban mortais e incurables. As consecuencias non teñen por que ser desastrosas, sempre que se leve a cabo o control deste tipo de prácticas.
Estou verdadeiramente orgullosa de ser quen son, de nacer para e por quen nacín, de poder vivir unha vida ao lado da miña irmá e dos meus pais. Os demais, que pensen o que queiran, que me chamen bebé medicamento ou o que lles pete, pero eu seguirei loitando no meu traballo, por un mundo que avance, que descubra vacinas contra a sida, curacións contra o cancro e as ganas de vivir.