2º premio, Categoría Primaria
Somos dous irmáns aos cales ao longo de toda a nosa vida nos aconteceron moitas cousas boas e algunhas cousas malas. As malas non nos gusta recordalas, aínda que ás veces é imposible esquecelas; polo contrario, as boas alégrannos, comprácennos e fannos sentir útiles para a sociedade.
Oh, esquecíame! Non nos presentamos (desculpen este pequeno erro). Somos dous irmáns xemelgos; o meu irmán chámase Implante; e o que vos escribe son eu, Transplante.
Desde hai relativamente poucos anos, o meu irmán Implante comezou a ser útil nesta sociedade, empezaron a implantarse as primeiras lentes de plástico para substituír o cristalino dos ollos afectados por cataratas. Agora os novos materiais son máis fortes, lixeiros e compatibles, conxuntamente cos medicamentos inmunodepresores; isto quere dicir que bloquean o posible rexeitamento natural do organismo, e fan posible recuperar a funcionalidade dos membros e órganos, a mellora estética e mesmo a supervivencia. O meu irmán Implante xoga un papel moi importante en próteses de brazos e pernas; aínda que hoxe en día estase perfeccionando con implantes mioeléctricos. Estes aparellos teñen conexións eléctricas que se unen coas terminais nerviosas amputadas e transmiten as ordes cerebrais co simple desexo. As aplicacións do meu irmán van desde dentes, mandíbulas, placas craniais e todo tipo de articulacións, ata os máis sofisticados marcapasos que funcionan de forma autónoma e por requisito automático en caso só de necesidade. Os puramente estéticos cobren as necesidades tanto de reconstrución en caso de accidente ou enfermidade, ou dos simplemente decorativos, como as mamas, lóbulos e aditamentos de todo tipo.
Implante, chamándoo dun xeito máis natural, son pezas artificiais (de plástico, metal…) que se lles substitúen aos seres humanos por partes naturais do seu corpo.
Eu, Transplante, non é por darme máis galardóns, pero considérome un pouco máis importante que o meu irmán Implante, xa que ás veces podo salvar vidas. Quizais sexa a transfusión de sangue o primeiro transplante entre seres humanos. Foi no ano 1900, ao tempo que coincidía coa primeira guerra mundial, cando se empezaron a practicar, a partir do descubrimento dos grupos sanguíneos. Pero só se realizou de forma segura aplicando o sistema Rh (0, positivo e negativo). Tamén no ano 1905 realizouse o primeiro transplante de córnea. Foi o cirurxián Christian Barnard, no ano 1967, quen realizou o primeiro transplante de corazón; con isto iniciouse unha nova era, tanto na medicina coma na conciencia da xente para ser doadora de órganos. España ten hoxe en día a taxa de doazón e de transplante máis alta do mundo. Un dos problemas máis importantes foi o rexeitamento natural do organismo, hoxe en día case superado con medicamentos inmunodepresores, aínda que con riscos de sufrir infeccións. Os novos transplantes estanse a realizar a partir de cadáveres (accidentes, enfermidades non infecciosas…) e animais tratados xeneticamente. Na actualidade estanse a crear bancos de órganos, onde se almacenan debidamente conservadas córneas de ollos, pel, ósos e outros tecidos. Tamén se formaron bancos de sangue, un servizo moi habitual co que contan os grandes hospitais.
Os órganos vitais como o corazón, os pulmóns e os riles son máis delicados e difíciles de conservar, polo que nos deberiamos concienciar e considerar o feito de facernos doadores e poder salvar vidas.
Tanto Implante como Transplante estamos moi orgullosos do noso labor, e por iso mandamos esta mensaxe:
Faite DOADOR, POR FAVOR!