Top

“A nena medicamento” de Sabela Estévez Moreira

2º premio, Categoría Bacharelato

Chámome Xoana, así me chaman os que mellor me coñecen, pero houbo un tempo en que fun coñecida como a nena medicamento, sobre todo durante os meus primeiros meses de vida, cando eu aínda nin entendía o que iso quería dicir. Sei que saín nos periódicos, nas revistas, na televisión e na radio, tanto de aquí coma de fóra… realmente pódese dicir que nacín coa fama baixo o brazo.

Mamá e papá falaban moito, falaban de min, da enfermidade da miña irmá, do meu cordón umbilical e da felicidade dobre que eu supuxera nas súas vidas. Non o entendía ben, eu, realmente, sentíame coma outra nena calquera, coma os outros nenos do parque que, coma min, xogaban, caían, empezaban a falar, choraban e rían.

O mesmo día que aprendín no colexio a facer divisións, mamá veu buscarme ao colexio, coma tantos outros días, pero esta vez ao chegar á casa non fixen os deberes, senón que sentamos todos no sofá do salón.

Papá empezou a falar, sentinme mal, no primeiro momento pensei que entendera mal… que eu nacera para salvar a vida da miña irmá maior? Como? Que? Ou sexa, que papá e mamá, realmente non me querían, tan só me querían para salvar a miña irmá?, era realmente a ela a quen querían? Como podía ser iso posible?

Mamá debeu ler o meu pensamento e apurou a dicir que grazas a min, e tan só a min, Ana podería pasar máis tempo sen ir ao hospital, sen visitar os médicos e para xogar comigo. —Ti realmente es a mellor irmá do mundo que Ana podía ter— díxome.

A conversa quedou niso e nada máis, case non se volveu falar do tema en moito tempo. Pero, non había día da miña vida que non pensase na maxia que chegaran a facer comigo os médicos. Era extraordinario, quen ía imaxinar que eu puidese salvar a vida de nada máis e nada menos que unha irmá. Creo que desde aquel mesmo día quixen ser médico, investiguei moito pola miña conta, pasei moitas horas da miña vida descubrindo o que realmente fixeran comigo. Nos artigos que falaban de min, había opinións de todo tipo. Falábase dunha selección xenética, da presenza de células nai nos cordóns umbilicais e de moitas cousas máis que non chegaba a entender.

Hoxe enténdoo mellor. Son médico. E son consciente en primeira persoa do que resulta ser un bebé medicamento. Hoxe en día segue a haber polémica ao igual que cando eu cheguei ao mundo.

Como di a miña nai, quéreme por min mesma e, ademais, se non me tivese de filla a min, non nos tería nin a unha nin á outra.

Son moitas as parellas que gardan o sangue do cordón umbilical para salvar os irmáns, isto  desde logo foi un avance grandísimo, pois o que hai anos se consideraba un desfeito tras o parto, resulta que contén células nai capaces de rexenerar a medula ósea e é unha alternativa terapéutica imprescindible na curación de moitas patoloxías. Realmente, non hai nada de malo.

Moitos consideran a práctica da selección xenética coma unha aberración, consideran que un neno é un medio e non un fin, coma debe ser considerado cada ser humano. Consideran a selección xenética coma un acto egoísta, xa que leva á exclusión doutros seres humanos, posto que se descartan outros embrións para elixir o que está verdadeiramente san. Afirman que hai que curar os enfermos, pero sen eliminar a ninguén. Eu realmente de egoísta non lle vexo nada, máis ben creo que o mellor que hai no mundo e ser quen de poder salvarlle a vida a alguén. Convido a todos os que pensan así, a reflexionar durante un intre… e se tiveses un fillo enfermo? Non farías todo o que estivese nas túas mans para salvarlle a vida? Eu penso que si.

Moitos grupos relixiosos, xa cando eu nacín, chegaban a situacións extremas e afirma que a selección xenética non é nin un éxito nin un progreso científico, senón que se reduce a dignidade dunha persoa a un simple valor de utilidade. Din que, mediante esa selección, hai irmáns aos que se lles privou do dereito a nacer, polo simple feito de non seren útiles. Para eles, esta forma de solucionar o problema non é viable, pero tampouco son quen de ofrecernos outra solución. Chegando a estes extremos, para min demasiado materialistas, podería darlles a razón, pero penso na miña vida e máis aínda na vida que conseguín salvar, e non, non estou en nada de acordo cos que isto pensan.

Iso si, non podemos caer na tentación de chegar coa selección xenética a fins «estéticos».  É dicir, para elixir o sexo e os caracteres físicos do futuro bebé. Para isto debe haber os máximos controis legais e utilizarse de forma excepcional e específica; despois dun proceso en que se busque a posible compatibilidade con algún cordón umbilical e se valoren todas as opcións. Tamén hai expertos que aventuran a estes nenos medicamento futuros problemas psicolóxicos, cousa que habería que controlar e facer un seguimento específico.

O debate sempre existirá, pero o que está claro e que eu nacín e salvei a vida da miña irmá. No meu caso, era a selección xenética a única opción posible e grazas a este novo descubrimento científico pódense curar enfermidades que hai anos resultaban mortais e incurables. As consecuencias non teñen por que ser desastrosas, sempre que se leve a cabo o control deste tipo de prácticas.

Estou verdadeiramente orgullosa de ser quen son, de nacer para e por quen nacín, de poder vivir unha vida ao lado da miña irmá e dos meus pais. Os demais, que pensen o que queiran, que me chamen bebé medicamento ou o que lles pete, pero eu seguirei loitando no meu traballo, por un mundo que avance, que descubra vacinas contra a sida, curacións contra o cancro e as ganas de vivir.