Top

“O quinto estado” de Elena Guerra Dablanca

3º premio, Categoría Secundaria

Esta historia comeza no ano 3208, na Lúa. Os humanos avanzaron a súa ciencia e a súa tecnoloxía ata o punto que puideron crear unha atmosfera artificial que contén o aire máis puro que se poida atopar ao redor da Lúa, e está retido cun campo de gran forza.

Neste satélite só habitan os científicos e os robots, pois a Terra foi quedando pequena, os ecosistemas salváronse grazas a novas fórmulas científicas e aumentaron o seu tamaño, os animais en perigo de extinción recuperáronse e os humanos multiplicáronse segundo se previra; ata tiveron que construír novos satélites:

PA434 para os políticos e MC001 para reis, raíñas e demais integrantes da nobreza.

Pero vaiamos á historia que de verdade nos importa… Nora e CHIP-54, casa 13 do laboratorio supremo.

—CHIP-54, pásame o aumento do telescopio.

—ENCONTROU… ALGO… NOVO… PROFESORA? —di o robot CHIP-54 mentres lle pasa o aumento do telescopio.

—Si, creo que atopei o quinto estado da materia.

—O… QUINTO… ESTADO DA… MATERIA? E… O CUARTO? PODERÍAMO… EXPLICAR?… ESE ARQUIVO… DE… DATOS… TÉÑOO… DANADO…

—Pero ti? Cantos arquivos tes danados? Os tres estados fundamentais da materia son: sólido, líquido e gasoso. Por exemplo: o xeo é un sólido, o auga é un líquido e o vapor de auga é un gas.

—PERO… ISO… EN… REALIDADE… É… TODO… AUGA…

—É verdade, iso é porque os estados da materia poden cambiar a outros estados, pero non a substancia, neste caso, a auga.

—FUSIÓN… VAPORIZACIÓN… CONDENSACIÓN… E… SOLIDIFICACIÓN…

—Exactamente, pero tamén está a sublimación, o paso de gasoso a sólido e viceversa.

A fusión é de sólido a líquido, a vaporización é de líquido a gasoso, a condensación é de gasoso a líquido e a solidificación é de líquido a sólido.

PERO… POR QUE… SE PRODUCEN… ESTES… CAMBIOS?

—Polo frío e a calor, co calor as partículas sepáranse, e coa falta de calor xúntanse.

—PARTÍCULAS?

—Segundo unha teoría, a teoría cinética, as substancias están formadas por partículas, que se atopan en continuo movemento e fan forza unhas sobre outras.

—E… O… CUARTO ESTADO?

Nora sentouse na cadeira de brazos, xunto á cheminea, iso duraría moito tempo.

—O cuarto estado é moi diferente aos demais, non pode pasar aos outros, chámase plasma.

—PLASMA?

—O plasma é, por exemplo, o fogo. Na Terra apenas se atopa, pero no resto do universo é diferente: o plasma é o máis común, pero os sólidos, os líquidos e os gasosos escasean.

—E CAL… É… ESE NOVO… ESTADO?

—É unha variante do plasma, na Vía Láctea apenas se atopa, pero no resto é tan frecuente como o plasma.

Nora acercouse ao telescopio, non era a primeira vez que se pasaba unha tarde enteira explicándolle a CHIP—54 información dos seus arquivos danados.

—Chamareino Piaco. —Díxolle a CHIP-54 antes de que este puidese preguntar.

Virouse, atopouno coas luces apagadas, acabáraselle a batería, pero enchéraselle un arquivo máis. Nora levou o enchufe e comezou a escribir sobre o novo estado:

Piaco

É unha variante do plasma. Non ten volume nin forma fixa; a súa masa é fixa; as partículas atópanse por parellas e fan o movemento de translación ao redor da partícula «principal». Non se ve nin se toca, só se pode cheirar, e se o queres ver tes que utilizar infravermellos.

Nora     5.10.3208

Foi escribir o oito e quedou durmida.