Top

“O señor dos cons” de Marcos Dios Almeida

2º premio, Categoría Xeral

«Titití-titití-titití…» —«Contra! Demo de espertador!» Doulle un golpe medio durmida e sen querer guíndoo ao chan; o chisme segue soando sen parar… Bufo, aparto as sabas, as mantas e a colcha en que estou embozada e volvo novamente a colocar a roupa enriba da cabeza. A máquina do diaño non quere calar…

Sen saber como, atópome baixo a calorosa chuvisca da ducha dese antigo baño cuberto de azulexos, nesa bañeira dos tempos de Matusalén. No último momento quito a auga quente e deixo a fría para me espertar dunha vez, e en canto a sinto boto un aturuxo, arreguizada, que provoca as gargalladas dos meus madrugadores alugueiros: unha parella de vellos engurrados e moi guapos, traballadores coma ningún outro, que me queren case coma se fose a súa neta, malia que non o son.

—A ver señora sientífica… Parece que se nos peghan as mantas —dime a Luísa que se ergue de repente para me fritir un ovo caseiro: unha delikatesse.

—Boas… —múo máis que falo. Logo séntome diante dun vaso cheo de zume de laranxa, do tempo. Un par de rebandas saltan do torrador. Alí mesmo teño a manteiga e a marmelada que foron sacadas da neveira xusto a tempo para se quecer un pouquiño e facer máis doada este sacro labor de me fabricar un almorzo continental de moito coidado, como levo facendo  desde que teño uso de razón. Coloco o vaso de zume de cristal sobre dos beizos e Pepe fai o mesmo. Doulle un bo grolo tragándoo todo sen lle quitar ollo, e el repite os mesmos xestos. Finalmente ambos os dous bafexamos de pracer.

Despois de nos despedir desa limiá que outrora fora unha moza garrida de cabelos de ouro e dentes de perla, o camariñán que namorara dela no entroido de Xinzo e mais esta zoóloga de vinte e poucos subimos á Faneca: un barquiño de baixura moi xeitoso pintado de branco e azul celeste.

Tras rematar a carreira de Ciencias do Mar na Universidade de Vigo decidín facer a tese de doutoramento sobre o arao dos cons (Uria aalge albionis). Malia que tiven o apoio da miña supervisora, e que pasaba moito tempo no Instituto de Oceanografía, poucas foron as veces que me acheguei ata os cantís da Coruña para velos de preto. Saquei unha boa nota, pero eu sabía que o meu traballo aínda non rematara. Fixera un estudo exhaustivo desas simpáticas aves vestidas cun frac negro e unha camisiña branca e inmaculada no peito, ben alisada, coma se lle acabasen de pasar o ferro. De feito, polo seu aspecto este paxaro é coñecido como o pingüín galego, aínda que en realidade pertence á familia dos álcidos. Un animal fermoso, case tenro, con eses olliños choromiqueiros que parecen botóns e ese peteiro fino e aguzado, cunhas patiñas de palmípede axeitadas á pesca submarina; un mergullador profesional que voa daquel xeito pero que baixo o mar é un auténtico torpedo.

A Faneca avanza ranqueando, axeitándose como pode ao ritmo e forma das ondas crechas.

—Aínda me pregunto por que antes había tantos pingüíns deses e aghora non che vexo ningún.

—Xa cho dixen Pepe: o arao é unha ave moi especializada, e iso faina moi vulnerable a calquera cambio no seu hábitat. Minguou a pesca tanto grazas ao abuso e explotación que fixo o home dos mares que agora xa non atopa comida.

—Estamos a matar a Terra filla…

—E a matarnos a nós mesmos de paso –Xosé é aínda máis ecoloxista ca min. Sempre di que se tivese vinte anos se metía no Ghrimpís de cabeza. Supoño que eu teño un punto de vista máis global, máis frío, menos afervoado. Sei como podo axudar o planeta traballando na miña pequena parcela, e iso é o que fago. Por iso especialiceime no que máis me gustaba. Por iso agora estou aquí, coa miña Nikon D200, cun teleobxectivo que vale máis aínda ca esta cámara réflex profesional, para estudar eses fermosos paxaros de mar e para que o mundo saiba como lles vai.

Chegamos á Rocha da Peneira. Eu baixo coa miña mochila, cuberta co anorak, vestida cuns vaqueiros moi cómodos e un xersei de la, calzadiña cun par de botas altas de pescador de cor verde limosa. Avanzo en contra do vento, da sarabiada. As gotas de chuvia parecen pedriñas picando a miña faciana medio cuberta pola carapucha. Adoro os temporais, as treboadas, os trebóns que moven as augas mariñas, que envolven o ar nas súas turbulencias. Xa de nena me quedaba esperta e ben cuberta na miña camiña, saboreando cada febra de vento irado mesturado coa chuvieira que golpeaba inclemente a persiana da dormitorio…

Serpeo por entre as pedras cubertas de mexillóns, percebes e argazos, e logo comezo a agatuñar polas penas máis altas, ata me situar na metade do cantil. A ventada amortece os meus pasos de gato, confúndense na algarada. Margarita e Rorro non me escoitan chegar. Sitúome na pena de sempre, coloco o trípode no seu sitio, anícome ben e agardo…

Margarita está sobre o niño e parece algo nerviosa. Rorro mira para todas partes asustado. Está a piques de suceder… É un fito, é algo que os da CODA (Federación Coordinadora para la Defensa de las Aves) levamos agardando todo o ano. A cámara está acesa e a lente do obxectivo perfectamente enfocada. Unha luz dourada comeza a saír polo horizonte oceánico…

Unha peteirada…, outra… Xa miro a crebadura. A greta debuxa un camiño que aínda non vai a ningures, ramificado en varias pólas, en varios vieiros igual de rectos: canellóns sen saída. E por fin… escacha a casca gris azulada e pencada do único ovo con forma de pera que descansa sobre o niño, e nace a punta dun pequeno peteiro. Finalmente emerxe esa criatura, ese «parruliño feo», que é o futuro dunha especie en grave perigo de extinción.

Si señor!: naceu o «señor dos cons», aquí, en Vilán de Fóra, en medio da tempestade…, e este é, sen dúbidas, un gran momento…