2º premio, Categoría Secundaria
O relato que vos vou contar é o dunha rapaza chamada Sandra, que naceu no ano 1936 nunha aldea de Lugo.
Era unha moza á que lle gustaba moito ler libros de temas científicos, que lle explicasen o porqué das cousas. O que máis lle amolaba a Sandra era non comprender moito do que ocorría ao seu arredor. Pasaba o día preguntándolle ao seu avó: —Avó, por que a auga do río sabe coma a da casa e a auga do mar está salgada? Por que no inverno vai frío e no verán temos calor?
Así todo o día, coma unha tola, e o seu avó chamáballe agarimosamente «miña curiosiña».
O caso é que Sandra levaba a pastar o gando a un coto próximo á súa casa todas as tardes, pero un día, matinando nas súas cousas, afastouse máis do debido e a néboa cubriu o monte, e perdeuse.
Camiñando, viu ao lonxe luz dentro dunha casiña e decidiu ir pedir axuda.
Quedou moi contenta porque ao tocar a porta saíu un rapaz que coñecera había case un ano nunha festa da aldea. Chamábase Adrián. O caso era que Sandra case se namora del, porque a el tamén lle interesaban moito os temas da ciencia e contáralle que facía experimentos na súa propia casa.
Adrián tamén se alegrou de volver ver a Sandra e falou cos seus pais para contarlle o que lle acontecera á rapaza.
Resulta que Adrián non vivía tan lonxe de Sandra e desde aquela pasaron moitas tardes xuntos facendo experimentos que lles explicasen o porqué das cousas. Discutían moitas veces, porque querían ter os dous a razón.
Un día Sandra preguntoulle a Adrián: —Que forma teñen os líquidos?
Adrián respondeulle: —Os líquidos non teñen forma, ti es parva, só se adaptan á forma dos recipientes que os conteñen.
Sandra quedounos mirando e dixo:
—Pois eu creo que de forma natural aos líquidos gústalles pórse en forma de esfera ou de círculo, porque senón por que explicas que a auga da choiva forma gotiñas redondas de aceite.
Adrián quedou pensando. É verdade! Pois temos que facer un experimento que demostre a forma natural dun líquido, por exemplo, o aceite.
Adrián, que lera moitos libros, sabía que a auga tiña máis densidade ca o aceite e que o alcohol tiña menos densidade ca o aceite. Comprobou que ao botar unha gota en auga, esta quedaba flotando e, pola contra, se botaba o aceite no alcohol este afundíase.
Entre Adrián e Sandra foron probando e conseguiron unha mestura de alcohol e auga EN que a gota do aceite nin flota nin se afunde de todo. Cando deron coa disolución exacta, seguiron botando máis aceite devagariño cunha xiringa e… sorpresa! Sandra tiña razón! O aceite formaba unha esfera que permanecía suspendida na disolución.
Estaban moi ledos co que descubriran e deseguido fóronllo contar aos seus pais.